Top 10 de poemas galegos musicados

Queres descubrir como soa a poesía galega cando se converte en canción? Moitas artistas e bandas do país fixeron dos poemas música e crearon pezas que marcaron xeracións enteiras. Neste artigo recollemos as que, para nós, son as dez versións imprescindibles.

As mellores versións de poemas galegos musicados

Negra sombra – Rosalía de Castro / Luz Casal

A versión cantada e musicada de Negra Sombra, interpretada por Luz Casal, fíxose especialmente coñecida a partir da súa inclusión no álbum de Carlos Núñez A Irmandade das Estrelas (1996). Esta interpretación converteuse nunha das máis emblemáticas adaptacións musicais do poema de Rosalía de Castro, recoñecida tanto en Galicia como fóra dela polo seu fondo carácter emotivo.

Negro caravel – Rosalía de Castro / Sabela Ramil

En Operación Triunfo 2018, Sabela Ramil levou o galego ao escenario interpretando Negro caravel, un dos poemas máis intensos de Rosalía. Inspirada na versión que popularizaran Rosa Cedrón e Cristina Pato en 2010, a pontesa conseguiu chegar á final do programa con esta canción.

Aí vén o maio – Curros Enríquez / Andrés Suárez

O poema Aí vén o maio, de Curros Enríquez, é un canto á primavera e á esperanza de tempos mellores. A súa versión musicada forma parte do primeiro álbum de estudo do cantante galego de folk Luís Emilio Batallán, Ahí ven o maio (1975). Esta peza foi interpretada por Andrés Suárez, quen lle dá un ton íntimo e emotivo que achega estes versos clásicos ás novas xeracións.

Penélope – Xohana Torres / Guadi Galego

O poema Penélope, de Xohana Torres, é un canto á liberdade feminina fronte á espera e ao silencio. A versión de Guadi Galego dálle unha forza nova, reivindicando a voz das mulleres galegas desde a súa propia experiencia artística.

Quen poidera namorala – Álvaro Cunqueiro / Luís Emilio Batallán

O poeta Álvaro Cunqueiro deixou versos cheos de lirismo e maxia e un dos máis coñecidos é Quen poidera namorala. A versión de Luís Emilio Batallán, incluída no mítico disco Ahí ven o maio (1975), converteuse nun clásico da música galega que mantén vixente a beleza deste poema.

Chove en Santiago – Federico García Lorca / Luar na Lubre

En 1935, o poeta andaluz Federico García Lorca escribiu Chove en Santiago, dentro do seu libro Seis poemas galegos. Décadas máis tarde, Luar na Lubre fixo unha das versións máis coñecidas deste poema e converteuse nunha canción emblemática da súa traxectoria e nunha ponte entre Galicia e a obra universal de Lorca.

Deitado frente ao mar – Celso Emilio Ferreiro / Dios Ke Te Crew

O poema máis combativo de Celso Emilio Ferreiro, berro de dignidade e denuncia, cobrou nova vida coa versión de Dios Ke Te Crew. A banda de hip hop galega actualizou a forza dos versos cunha linguaxe urbana e rebelde.

A xustiza pola man – Rosalía de Castro / Nao

Este poema de Rosalía de Castro, escrito contra a inxustiza social e a opresión, cobrou nova vida coa versión de Nao. A súa interpretación converteu estes versos nun berro contemporáneo de resistencia e dignidade, o que demostra a vixencia política da obra rosaliana.

E o mar – Luísa Villalta / A Banda da Loba

O grupo A Banda da Loba fixo unha adaptación dun poema de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024. A canción E o mar mestura a forza poética coa sonoridade contemporánea e reivindica o mar como símbolo de identidade e loita.

Subiote – Xosé Neira Vilas / Rodrigo Ramos

O músico Rodrigo Ramos puxo música ao poema Subiote de Xosé Neira Vilas. A súa versión combina sensibilidade e frescura, achegando ao presente a voz literaria dun dos grandes narradores galegos do século XX e facendo que a súa poesía soe tamén en clave musical.

Coñeces máis versións musicadas de poemas galegos que deberían estar no top 10? Déixaas nos comentarios!

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
demostrativos en galego

13/10/2025

Os demostrativos son unha peza fundamental da lingua: pequenas palabras que nos permiten sinalar obxectos, lugares, tempos ou ideas en función da súa proximidade. Neste artigo imos ...
Palabras de orixe xermánica
Cando pensamos na orixe das palabras galegas, case sempre imaxinamos o latín como punto de partida. E con razón, o galego é unha lingua románica, filla directa ...
refráns galegos de outubro

1/10/2025

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa ...

7 comentarios en “Top 10 de poemas galegos musicados”

  1. Non sei quen é Andrés Suáerez (e a verdade é que, despois de escoitar esta peza, non me interesa sabelo). Pero o importante desta historia é que a versión que interpreta do poema de Curros Enriquez é de Luis Emilio Batallán, e non do tal Andrés, como podería desprenderse da presentación do vídeo. E convido a escoitala na voz do propio Luis Emilio a quen non o fixese (con independencia da xeración á que pertenza). Polo demais, felicitacións, mil grazas e ánimo polo voso traballo. Saúdos dende Xanrozo (Betanzos).

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer