7 seres mitolóxicos galegos que debes coñecer este Samaín

O Samaín é unha das celebracións máis antigas e máxicas en Galicia, herdanza dos nosos devanceiros. É o momento do ano no que o mundo dos vivos e o dos mortos están máis próximos e as portas do alén permanecen abertas. Co paso do tempo, as tradicións e lendas que rodean esta festividade mesturáronse co cristianismo e outras crenzas, mais hai algo que permanece inalterable: o temor aos seres do inframundo.

Nesta época tan especial, é o momento perfecto para recordar os misteriosos seres míticos que forman parte da nosa cultura e que, segundo contan, aínda camiñan entre nós. Aquí tes 7 dos máis impactantes que debes coñecer este Samaín.

A Santa Compaña

Quizais é o máis famoso dos seres mitolóxicos galegos. A Santa Compaña é unha procesión de ánimas en pena que percorre os camiños, encrucilladas e lugares illados durante a noite, buscando almas que levar ao máis alá.

A procesión vai liderada por unha persoa viva que porta unha cruz e un caldeiro con auga bendita, seguida por ánimas que levan cirios acesos ou, en ocasións, ósos. O guía, que pode ser tanto un home como unha muller dependendo de se o patrón da parroquia é un santo ou unha santa, non pode xamais volver a cabeza nin abandonar o seu posto. Só se liberará cando consiga pasar a cruz e o caldeiro a outra persoa, que entón ocupará o seu lugar.

A Santa Compaña representa un perigo para quen teña a desgraza de cruzarse no seu camiño. A tradición di que, se te encontras coa procesión, debes evitar mirala directamente ou facelo de forma disimulada para non ser recoñecido. Quen vexa a Compaña sen protexerse pode caer enfermo ou mesmo morrer pouco despois.

Para evitar ser escollido como o novo guía, quen vexa a Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e deitarse boca abaixo sen mirar aos espíritos. Mentres tanto, a persoa que leva a cruz vaise palidecendo e adelgazando con cada paso, ata que finalmente logre pasarlla a outro.

Estadea

Outra figura fantasmal moi temida en Galicia. A Estadea aparece como un espírito errante cuberta por un sudario do que sobresae unha caveira e que dirixe a Compaña en ocasións. Vaga polas encrucilladas e acompaña a aqueles que están a piques de morrer. Se a ves, podes estar seguro de que a morte anda preto.

Semellante á Santa Compaña, a Estadea tamén se relaciona coa idea do purgatorio, sendo unha mensaxeira da fin ou do tormento eterno. No Samaín, o seu recordo nos camiños e as encrucilladas fai que ninguén queira saír de noite.

Procesión das Xás

A Procesión das Xás ou Xans é unha crenza galega similar á Santa Compaña, pero protagonizada por pantasmas de vivos en lugar de mortos. As Xás camiñan en dúas filas levando un cadaleito e os que marchan máis preto del están destinados a morrer antes. A procesión atopámola nas encrucilladas, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos. Quen a observa pode ser levado a outro lugar ou recibir unha malleira, dependendo da súa relación cos participantes. Só certas persoas, con circunstancias especiais, poden vela.

Lobishome

O lobishome é un home, ou muller, condenado a transformarse nun lobo. A lenda fala de homes que, por unha maldición dos pais ou doutra persoa, por nacer na noite de Nadal ou de Venres Santo, se converten en criaturas salvaxes que sementan o terror nas aldeas.

O proceso de transformación comeza cando a persoa sente a arela irrefeable de arrolarse na terra e fregarse nela. Á media noite diríxese a un despoboado e envórcase no mesmo sitio onde fixeran cama os lobos reais e convértese nun deles e mesmo os pode superar en forza, intelixencia, afouteza e crueldade. A súa presenza non só trae a morte física, senón tamén a perda da humanidade. Co paso do tempo, esta figura pasou a ser un símbolo da loita interna entre o ben e o mal, o humano e o animal.

Urco

Descrito como un can xigante que arrastra pesadas cadeas, o Urco aparece nas praias galegas anunciando desgrazas. As súas múltiples formas combinan co seu simbolismo macabro: é o mensaxeiro da morte. As súas aparicións son sempre presaxios de eventos tráxicos e poucas persoas ousan quedar na súa presenza. As cadeas que leva simbolizan a súa conexión co máis alá e o seu paso deixa tras de si un aire frío e ameazante.

Lavandeiras

Estas misteriosas mulleres aparecen nos ríos ou fontes durante a noite, lavando roupa manchada de sangue que nunca desaparece. Velas é sinal de mal agoiro. Se alguén pasa por alí, convídano a torcer a roupa. Se o camiñante acepta, ten que procurar non torcer no mesmo sentido ca elas, pois se o fai, as desgrazas sucederanse e mesmo pode morrer. Crese que son espíritos de mulleres mortas no parto, das que abortaron ou nais de nenos mortos sen bautizar.

Mouchos

A relación entre os mouchos e a morte é un clásico na mitoloxía galega. Estas aves nocturnas, co seu canto lúgubre, anuncian a proximidade da morte. Durante o Samaín, o seu rechouchío nas árbores ou enriba das casas é temido, pois presaxia que alguén no fogar está destinado a fenecer. Na escuridade das noites de outono, o son dos mouchos fainos lembrar que o alén sempre está máis preto do que pensamos.

Samaín en Galicia

Este Samaín, cando as luces das cabazas iluminen as nosas rúas e as tradicións antigas regresen, é importante lembrar os seres mitolóxicos que habitan o imaxinario galego. Cada un deles reflicte os nosos medos máis profundos sobre a morte e o descoñecido. Ao rememorar estas figuras, non só honramos a nosa rica cultura, senón que tamén nos reconectamos coas crenzas que nos acompañan desde tempos inmemoriais. Así que, cando o Samaín chegue, mantén os ollos abertos e os oídos atentos… quen sabe quen ou que pode andar preto de ti.

Coñece as tradicións galegas do Samaín polo miúdo aquí.

Se queres descubrir máis seres míticos galegos, recoméndoche este libro de Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda titulado Dicionario dos seres míticos galegos e ilustrado por Lázaro Enríquez.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
19

26/10/2024

En Galicia, o Samaín, o Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos están cheos de tradicións que mesturan elementos pagáns e cristiáns, reflectindo a ...
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...

3 comentarios en “7 seres mitolóxicos galegos que debes coñecer este Samaín”

  1. Pareceume moi interesante o artigo
    Algúns deses seres mitolóxicos non os coñecía así que gracias as chaves da língua vou nos engadir unha vez mais a miña lista de coñecementos

    Responder
  2. Un resumo fantástico dos seres mitolíxicos que Temos, sen dúbida Unha grande riqueza, algúns deles non os coñecia. Moi bo traballo
    Grazas

    Responder
  3. Moi boa explicación do Samaín e dos seres mitolóxicos galegos, algúns tan descoñecidos. Este blog é unha xoia! Moitas grazas!!!

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer