10 palabras relacionadas coa condución para non atropelares o galego

Conducir ben é cousa de práctica e o mesmo pasa ao aprender unha lingua. Por iso, neste artigo coñecerás dez termos relacionados coa condución para manexáreste mellor.

Lombo

A limitación a 30 km/h das cidades fixo que cada vez haxa máis pasos de peóns sobreelevados que tamén reciben coloquialmente o nome de lombos ou lombas.

Sinal

Saltar un STOP está mal e é perigoso, mais é moito máis grave cambiarlle o xénero. En galego a palabra sinal é masculina: o sinal.

Buguina

Perder a paciencia ao volante é doado. Se queremos chamar a atención a outro condutor, podemos facer uso da buguina ou bucina e se o facemos con intensidade, será un buguinazo ou bucinazo.

Chofer

A maioría dos mortais non dispoñemos dun chofer propio, mais se che toca a lotaría e podes permitirte un, lembra que é unha palabra aguda e non grave. Así que ollo á súa pronuncia.

Condutor/a

Todas as palabras relacionadas con condución non teñen os grupos consonánticos -cc- ou -ct- no seu interior. Por iso dicimos condutor, condutora, conduto, conducir, conducente

Ventá

Se non che gusta a palabra ventá, podes dicir fiestra ou xanela, mais o que non está permitido é dicir *ventanilla. 

Beiravía

Ese espazo á beira dunha estrada, xeralmente separado cunha liña branca, reservado para a circulación de peóns ou para deterse os vehículos en caso de necesidade nas autoestradas e autovías chámase beiravía.

Beirarrúa

Se nas estradas temos beiravías, nas cidades adoitamos ter beirarrúas nas marxes para que camiñen os peóns.

Peonil

Se pasades por Lugo, veredes que cada vez están peonalizando máis zonas. Cando unha rúa está destinada a peóns podemos dicir que unha rúa é peonil ou peonal.

Revolver

Por último, quero destacar o uso deste verbo. Para todas aquelas persoas que non sexades da Fonsagrada ou da contorna, sorprenderavos saber que o verbo revolver úsase como sinónimo de virar ou xirar o coche cando queremos darlle a volta.

Cando era pequena e ía á aldea, ao chegar á casa dos meus avós meu pai sempre lle dicía á miña nai “revolve o coche na aira” e ese revolver nada tiña que ver con remexer a comida. Como dato curioso, na miña casa tamén revolvemos a tortilla e non dicimos darlle a volta.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
O vocabulario do material escolar en galego
9/09/2026
9/09/2026
Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder ...
apps para aprender galego
3/09/2026
3/09/2026
Non hai mellor forma de aprender unha lingua que usala tamén no lecer. O móbil, que levamos sempre enriba, pode converterse nun aliado para aprender galego mentres ...
Mosteiro de Samos
26/08/2026
26/08/2026
Ás veces a historia agóchase nos lugares máis inesperados. Esta fin de semana fun visitar o mosteiro de Samos e descubrín algo que non sabía. Alí viviu ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer