Os demostrativos son unha peza fundamental da lingua: pequenas palabras que nos permiten sinalar obxectos, lugares, tempos ou ideas en función da súa proximidade.
Neste artigo imos ver como funcionan os demostrativos en galego, cales son as súas formas, en que contextos se usan e que erros debemos evitar.
Os demostrativos en galego
Os demostrativos son adxectivos ou pronomes que indican a distancia dun obxecto ou idea respecto da persoa que fala ou escoita. En galego, igual que noutras linguas románicas, existen tres graos de proximidade:
- Proximidade → o que está preto de quen fala (este).
- Distancia media → o que está preto do interlocutor ou xa foi mencionado (ese).
- Afastamento → o que está lonxe de ambos, no espazo ou no tempo (aquel).
Táboa dos demostrativos en galego
GRAO DE PROXIMIDADE | DEMOSTRATIVOS | DEMOSTRATIVOS NEUTROS | |||
SINGULAR | PLURAL | ||||
MASCULINO | FEMININO | MASCULINO | FEMININO | ||
aquí | este | esta | estes | estas | isto |
aí | ese | esa | eses | esas | iso |
alí | aquel | aquela | aqueles | aquelas | aquilo |
Cando usar os demostrativos en galego
- Este / esta / estes / estas / isto
Úsanse para aquilo que está máis preto de quen fala. Exemplos:
Este libro que teño na man é moi interesante.
Estes pantalóns non me queda nada ben.
- Ese / esa / eses / esas / iso
Refiren ao que está preto do interlocutor ou ao que xa foi mencionado no discurso. Exemplos:
Gústame esa chaqueta que levas.
Iso xa o falamos onte.
- Aquel / aquela / aqueles / aquelas / aquilo
Empréganse para o que está lonxe de ambos ou cando se quere marcar distancia temporal ou emocional. Exemplos:
Aquela casa de alí foi do meu avó.
Aquilo si que era vivir ben.
Contraccións cos demostrativos en galego
Contraccións dos demostrativos coas preposicións
Os demostrativos tamén se combinan coas preposicións en e de formando contraccións obrigatorias. Igual que pasa cos artigos (de + o → do), en galego non é correcto dicir “de este” ou “en aquel”.
As contraccións dos demostrativos coas preposicións son:
PREPOSICIÓN | DEMOSTRATIVOS | ||
este(s) / esta(s) | ese(s) / esa(s) | aquel(es) / aquela(s) | |
DE | deste(s) / desta(s) | dese(s) / desa(s) | daquel(es) / daquela(s) |
EN | neste(s) / desta(s) | nese(s) / nesa(s) | naquel(es) |
PREPOSICIÓN | DEMOSTRATIVOS | ||
isto | iso | aquilo | |
DE | disto | diso | daquilo |
EN | nisto | niso | naquilo |
Exemplos:
Lémbrome ben daquela viaxe. (de + aquela)
Non pensei nunca naquel asunto. (en + aquel)
Falamos moito dese problema. (de + ese)
Confío só nese rapaz. (en + ese)
Contraccións dos demostrativos co identificador outro
DEMOSTRATIVO | PRONOME IDENTIFICADOR | |||
OUTRO | OUTRA | OUTROS | OUTRAS | |
PROXIMIDADE | estoutro | estoutra | estoutros | estoutras |
DISTANCIA MEDIA | esoutro | esoutra | esoutros | esoutras |
AFASTAMENTO | aqueloutro | aqueloutra | aqueloutros | aqueloutras |
Exemplos:
Estoutro rapaz non é da nosa clase.
Prefiro estoutra explicación máis sinxela.
Quédome con esoutra cadeira, parece máis cómoda.
Aqueloutro día choveu a cachón.
Contraccións das preposicións + demostrativos + identificador outro
En galego tamén existen combinacións en que interveñen tres elementos:
- unha preposición (de, en)
- un demostrativo (este, ese, aquel)
- o identificador outro.
Deste modo fórmanse palabras compostas que poden parecer estrañas pero que son totalmente correctas na nosa lingua.
PREPOSICIÓN | PRONOME IDENTIFICADOR | |||
OUTRO | OUTRA | OUTROS | OUTRAS | |
DE | destoutro | destoutra | destoutros | destoutras |
desoutro | desoutra | desoutros | desoutras | |
daqueloutro | daqueloutra | daqueloutros | daqueloutras | |
EN | nestoutro | nestoutra | nestoutros | nestoutras |
nesoutro | nesoutra | nesoutros | nesoutras | |
naqueloutro | naqueloutra | naqueloutros | naqueloutras |
Exemplos:
Falamos destoutro asunto na reunión, non do que ti pensabas.
As lembranzas daqueloutros tempos sempre me fan sorrir.
Xa confiamos nesoutras persoas que viñeron antes.