O nome dos meses en galego que, se cadra, non sabías

Sabemos que xaneiro inaugura o ano, que agosto é tempo de calor e que decembro trae o Nadal. Mais, algunha vez escoitaches falar de “san Xoán”, “Santiago” ou “a sega” como nomes de meses? En galego, ademais dos nomes oficiais dos meses, existen denominacións tradicionais que variaban segundo a zona e a cultura popular. Moitas delas están ligadas a festas relixiosas, costumes agrícolas ou fenómenos naturais que marcaban o ritmo da vida.

O nome dos meses en galego

Neste artigo, exploramos estes outros nomes que reciben os meses en galego, descubrindo como a nosa lingua soubo adaptar o calendario ao seu propio xeito de ver o mundo.

Xaneiro

Xaneiro é o primeiro mes do ano e ten trinta e un días. O seu nome vén do latín Ianuarius, dedicado ao deus Janus, unha divindade romana das transicións e os comezos.

Xaneiro quente trae o demo no ventre.

Febreiro

Febreiro é o segundo mes do ano, que ten 28 días, ou 29 se o ano é bisesto. Procede do latín Februarius, nomeado en honra ás festas da purificación chamadas Februa, que se celebraban en Roma neste mes. Este mes tamén recibe o nome de candeloria.

En febreiro, sete capas e un sombreiro.

Marzo

Marzo é o terceiro mes do ano e ten trinta e un días. Orixinase en Martius, en honra ao deus Marte, deus da guerra e protector da agricultura.

Marzo marzán, pola mañá cara de rosas pola tarde cara de can.

Abril

Abril é o cuarto mes do ano e ten trinta días. O nome “abril” vén do latín Aprilis, e aínda que a súa etimoloxía exacta non está clara, crese que podería derivar do verbo aperire (abrir), en referencia á apertura das flores na primavera.

A auga de abril enche o carro e o carril.

Maio

Maio é o quinto mes do ano e ten trinta e un días. Deriva de Maius, que se pensa que fai referencia á deusa Maia, divindade romana vinculada á fertilidade e ao crecemento.

A sardiña no maio que a parta un raio.

Xuño

Xuño é o sexto mes do ano e ten trinta días. Orixe en Junius, nomeado en honra a Xuno (Juno), a deusa romana do matrimonio e protectora das mulleres e do fogar. Este mes tamén recibe o nome de san Xoán ou san Pedro.

Polo san Xoán a sardiña molla o pan.

Xullo

Xullo é o sétimo mes do ano e ten trinta e un días. Nomeado en honra a Xulio César, quen reformou o calendario romano no ano 46 a.C. O mes chamábase inicialmente Quintilis, xa que era o quinto mes do antigo calendario romano, mais pasou a chamarse Julius tras a morte de César. A este mes tamén se lle pode chamar Santiago ou a sega.

Polo Santiago comeza a viña a pintar o bago.

Agosto

Agosto é o oitavo mes do ano e ten trinta e un días. Orixinase en Augustus, en honra ao emperador Augusto, quen seguiu os pasos de Xulio César. Antigamente este mes chamábase Sextilis, por ser o sexto mes do ano antes da reforma do calendario.

Chuvia no agosto, nin bo magosto, nin bo mosto, nin bo entrecosto.

Setembro

Setembro é o noveno mes do ano e ten trinta días. Vén do latín September, que significa “sétimo mes”. No calendario romano primitivo, setembro era efectivamente o sétimo mes do ano, antes de que se engadisen xaneiro e febreiro. Tamén recibe o nome de san Miguel.

Despois que pase o san Miguel xa pode ir aos figos quen quixer.

Outubro

Outubro é o décimo mes do ano e ten 31 días. Procede de October, que significa “oitavo mes” no antigo calendario romano. A pesar do cambio de numeración no calendario actual, o nome mantívose ao longo dos séculos. Tamén recibe o nome de outono ou san Lucas.

Outubro viñateiro, pai do bo xaneiro.

Novembro

Novembro é o undécimo mes do ano e ten 30 días. Deriva de November, que significa “noveno mes” en latín. Ao igual que setembro e outubro, o nome conserva a numeración do calendario romano antigo. Tamén recibe os nomes de san Martiño e santos.

Santos, ou secas fontes ou levas pontes.

Decembro

Decembro é o duodécimo e derradeiro mes do ano e ten 31 días. Orixe en December, que significa “décimo mes” en latín. Aínda que hoxe é o último mes do ano, no calendario primitivo correspondía ao décimo mes antes da reforma de Xulio César. Tamén recibe o nome de Nadal.

Se o Nadal vén mollado, o xaneiro vén xeado.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Os días da semana en galego teñen máis nomes dos que pensas

12/02/2025

Sabemos que a semana comeza co luns e remata co domingo, mais ao longo da historia non sempre foi así. Neste artigo, exploramos os días da semana ...
27

9/10/2024

O galego é unha lingua chea de riqueza e matices, tamén á hora de falar do tempo. Neste artigo, imos afondar nos verbos que nos axudan a ...
Últimos artigos publicados
postais de nadal en galego

17/12/2025

Chega o Nadal e con el a tradición de enviarlles felicitacións aos nosos seres queridos. Este ano, desde As chaves da lingua ofrecémosche unha ferramenta completamente gratuíta ...
Libros do Apalpador

15/12/2025

O Apalpador é unha das figuras máis entrañables da tradición galega do Nadal. Este xigante bondadoso que baixa das montañas na Noiteboa para apalpar as barrigas dos ...
Filmes de Nadal en galego dispoñibles en Netflix

14/12/2025

O Nadal tamén se pode ver en galego. En Netflix hai algúns filmes de temática natalicia que permiten escoller o galego como idioma, unha opción pouco coñecida ...

Deixa un comentario

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego