Este 17 de maio, o Día das Letras Galegas 2025 pon o foco na forza da voz colectiva, na tradición oral e na música que se transmite de xeración en xeración. A Real Academia Galega decidiu dedicar esta edición á poesía popular oral representada por un grupo de mulleres que conservaron e compartiron o noso patrimonio musical dende a memoria, o canto e a pandeireta.
A quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2025?
O recoñecemento concrétase en sete nomes: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia Garrido Ameixenda e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica. Con elas, homenaxéase a todas as mulleres que, sen estudos nin escenarios, foron verdadeiras transmisoras da nosa identidade a través da copla, da regueifa e das cancións de berce, traballo ou festa.
Non é a primeira vez que as Letras Galegas renden tributo a unha tradición colectiva —xa o fixeran no ano 1998 cos trobadores da ría de Vigo—, mais si é unha das homenaxes máis emocionantes pola súa natureza profundamente popular, feminina e oral.
Para coñecer mellor o contexto destas mulleres e afondar na riqueza da tradición oral galega, recompilamos unha serie de libros recomendados que che axudarán a entender o valor cultural, lingüístico e social das nosas cantareiras.
Libros para coñecer mellor as cantareiras
Canta, miña compañeira de María Lado
Nesta obra, María Lado afonda na relación entre a palabra, a música e a memoria colectiva. A autora pon o foco na voz das mulleres que cantan xuntas, que se acompañan e se recoñecen a través da tradición oral.
Canta, miña compañeira é ao mesmo tempo un canto á sororidade e unha reivindicación do acto de cantar como ferramenta de resistencia, identidade e coidado. Un libro que conecta coa emoción e co pensamento, perfecto para entender a dimensión vital e comunitaria da voz das cantareiras.
Sei cantar e sei bailar de Eva Mejuto
Este álbum ilustrado segue os pasos de Dorothé Schubarth nas súas viaxes por Galicia, recollendo as voces das mulleres que fixeron da música un fío de resistencia e transmisión cultural. Do Courel á Costa da Morte, da man de Eva Mejuto e Lucía Cobo, coñecemos as pandeireteiras de Mens, Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeiras e tantas outras mulleres que mantiveron viva a faísca da nosa lingua no seu cantar.
Cantareiras de Icía Varela e Xosé Manuel Varela
Icía Varela e o seu pai, Xosé Manuel Varela, asinan esta obra que recolle as testemuñas de familiares e persoas que coñeceron as mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025. A través das voces de quen conviviu con Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Manuela Lema, Teresa García Prieto, e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, Cantareiras constrúe un retrato coral da forza, memoria e importancia das mulleres que fixeron da tradición oral un xeito de vida e de resistencia cultural.
Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega de Carlos Callón
Este ensaio de Carlos Callón é unha verdadeira declaración de amor á nosa tradición oral. A través dun percorrido rigoroso mais accesible a todo o mundo, o autor reivindica o valor da literatura tradicional galega —coplas, cantigas, regueifas— como unha forma viva de cultura, profundamente enraizada no pobo.
Callón lembra que esa literatura foi transmitida sobre todo por mulleres, como as homenaxeadas neste Día das Letras Galegas, e pon en valor o seu papel como gardiás dunha sabedoría popular que nunca deixou de renovarse. Un libro imprescindible para entender por que a poesía oral é, como di o título, maxicamente vella e eternamente nova.
Somos pandeireteiras de Mercedes Peón et al.
Este libro asinado por Mercedes Peón, Ana Romaní, Selina Otero, Andrea Nunes e Susana Sánchez Aríns é moito máis que unha homenaxe. É un acto de recoñecemento e reivindicación. A través de voces diversas —entrevistas, textos poéticos, reflexións e memoria—, as autoras constrúen un relato colectivo sobre as pandeireteiras, esas mulleres que, durante xeracións, transmitiron cultura, lingua e comunidade cun instrumento tan sinxelo coma poderoso, a pandeireta.
2 comentarios en “Libros para coñecer mellor as cantareiras, as homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025”
Moi interesante a proposta de libros que fas para coñecer máis de cerca quen son “as cantareiras” . Moitas grazas
Grazas a ti! Feliz Día das Letras Galegas!