As chaves para escribir o mellor blog en galego

Para celebrarmos o Día das Letras Galegas, que mellor que animarse a escribir un blog en galego. Por iso, Fala.gal e As chaves da lingua, unímonos para ensinarche a crear o teu propio sitio na rede e así axudar a que a nosa lingua dure mil primaveras máis.

Que debes saber antes de empezar a crear o teu blog?

Non é necesario ser un desenvolvedor ou desenvolvedora de programas ou un deseñador ou deseñadora web para crear o teu propio sitio en Internet. Tampouco se precisa ter grandes dominios de informática. Simplemente, tes que te atrever!  

O primeiro que debes coñecer é que os blogs tamén se poden chamar bitácoras e que Internet, aínda que non é un espazo físico, considérase un nome propio, así que temos que escribilo en maiúscula. Seguramente, algunha vez que estiveches trebellando na rede viches iso de “ola amig@s”, pois tes que saber que as gramáticas consideran incorrecto o uso da arroba nestes casos, xa que non constitúe un signo lingüístico nin ten correspondencia oral. Así que cómpre que inicies a túa entrada do blog ou artigo doutro xeito.

Unha vez teñamos claro de que imos falar, é hora de poñerse a escribir. Cando escribimos un texto, temos diferentes formas de destaque que nos axudan a pór en relevo unha palabra ou unha expresión. Deste xeito, podemos utilizar a itálica ou a cursiva, a negra, tamén denominada grosa, ou a versaleta, que, se cadra é máis coñecida como versal ou versalitas. Mais o importante á hora de organizar o artigo é darlle o formato correcto para despois poder indexar un índice de contidos.

En canto ao deseño, podes utilizar padróns ou modelos preestablecidos e anexar fotos e vídeos. Lembra que tamén é interesante poñer ligazóns doutros artigos e tampouco é mala idea poñer un botón para facer buscas ou procuras dentro do teu sitio web para atopar máis rápido o que se está a buscar.

Se tes en conta todo isto, non vas ter problema en ser o mellor blogueiro ou blogueira!

Como crear o teu blog?

Agora que xa coñeces as chaves para iniciar a túa propia bitácora, cóntoche como podes crear o teu propio blog de balde.

En fala.gal, podes crear o teu propio blog desde cero e co dominio .gal de forma sinxela e gratuíta. Podes escoller o nome que máis che guste, crear as túas páxinas seguindo o modelo que escollas, subir as túas fotos e escribir un blog sobre o que ti queiras. Ademais, para aquelas persoas que non están afeitas ás bitácoras, Fala conta con guías e titoriais que che axudarán no proceso. 

Se queres botarlle unha ollada aos blogs xa creados e descubrir cousas interesantes que fai a xente na rede, podes ver a lista de sitios aquí

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
4/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
2/06/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer