Vocabulario galego sobre o lume e os incendios

Nestes días de preocupación e tristura polos lumes que afectan distintas zonas do país, dende As chaves da lingua queremos achegar unha pequena contribución dende o noso ámbito: unha escolma de palabras relacionadas co lume.

O galego, como todas as linguas ligadas á terra, desenvolveu ao longo do tempo un vocabulario rico, preciso e cheo de matices para falar do monte, do que arde, do queimado, do fume e da loita contra os incendios. Recuperar esas palabras é tamén unha forma de lembrar e de nomear o que pasa.

Este artigo vai acompañado dunha mensaxe clara: mandamos ánimo, forza e solidariedade a todas as persoas afectadas polos incendios.

#LumesNuncaMáis

acendalla

Material que se emprega para iniciar un lume, especialmente aquel que arde con rapidez e facilita que prenda a leña ou outro combustible.

Colocaron unhas acendallas secas ao pé do tronco e a fogueira comezou a prender axiña.

afogueirar

Avivar ou intensificar o lume, alimentándoo para que arda con máis forza.

Sinónimos: atizar, avivar, entear e escallar.

Afogueiraron o lume con máis leña seca e enseguida comezou a botar labaradas altas.

alaparear

Arder con gran rapidez, especialmente cando o lume se propaga de forma brusca ou violenta.

Sinónimo: alapear.

A herba seca alapareou en poucos segundos en canto lle prenderon lume.

cadaval

Chousa cuberta de restos queimados despois dun incendio.

Sinónimo: chamiceira.

O monte que antes era verde quedou convertido nun cadaval negro e cheo de cinza.

cádavo

Restos de pólas de matogueira —como toxos, queiroas ou xestas— que fican parcialmente queimadas no monte despois dun incendio.

Sinónimo: chamizo

Camiñaban entre os cádavos que aínda botaban fume horas despois de apagar o lume.

contralume

Lume controlado que se prende de maneira estratéxica desde zonas preparadas —como devasas, pistas ou franxas sen vexetación— para eliminar o combustible e así frear o avance dun incendio forestal.

Os equipos de extinción decidiron crear un contralume nunha zona segura para intentar conter as lapas antes de que chegasen ao núcleo rural.

devasa

Franxa de terreo desbrozado, sen árbores nin vexetación, que se abre co propósito de evitar a propagación do lume ou facilitar o paso de infraestruturas.

Grazas á devasa que rodeaba a aldea, as lapas non chegaron ás primeiras casas.

enfogar

Dícese do lume cando cobra máis forza, intensidade ou viveza ao recibir novo combustible.

O lume enfogouse de súpeto ao cambiar o vento e espallouse monte abaixo con moita velocidade.

faísca

Partícula incandescente que salta dun corpo en combustión e que pode acender outros materiais ao seu redor.

Sinónimos: charamela, charamona, charamusca, charamuza, chareta, moxena e muxica.

Unha faísca desprendida do lume caeu na herba seca e iniciou un novo foco do incendio.

lapa

Masa incandescente que se eleva dun corpo en combustión, emitindo luz e calor.

As lapas superaban os piñeiros e avanzaban con forza cara ás casas.

queira

Onda intensa de calor que se desprende dun lume aceso, dun incendio ou dun forno moi quente.

A queira que saía do monte queimado facía imposible achegarse sen protección.

rebato

Toque insistente e prolongado das campás dunha igrexa para alertar a veciñanza ante un perigo urxente, como un incendio, e mobilizala para actuar.

Cando comezou o incendio, as campás da aldea tocaron a rebato para avisar a toda a xente.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
4/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
2/06/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer