9 erros graciosos que a xente comete ao aprender galego

9 erros graciosos que a xente comete ao aprender galego

Ser profesora de galego é unha experiencia chea de aprendizaxes e de momentos divertidos. Ao longo dos anos, vin o meu alumnado cometer erros tan simpáticos que quedaron gravados na miña memoria. Moitas veces, unha palabra ou unha resposta inesperada facían estourar as risas nas aulas e convertían unha lección en algo inesquecible.

Neste artigo, quero compartir contigo 9 destes erros que nos fixeron escachar coa risa a todo o grupo. Porque aprender galego, ademais de útil, tamén pode ser divertido!

A cerdeira dá cerdos

Un dos momentos máis divertidos pode chegar cando se aprenden os nomes das árbores. Nunha clase, ao preguntar que froita daban as maceiras, o alumnado respondeu “mazás”. A pereira?, “peras”. Mais cando chegou a quenda da cerdeira, un alumno dixo todo convencido “cerdos, profe!”. Non puiden parar de rir e o resto da clase tampouco.

O número cinconta

Un día, mentres repasabamos os números en galego (vinte, trinta, corenta), todo ía ben ata que chegamos a cincuenta. Un alumno moi convencido exclamou: “cinconta!”. Claro, seguindo a lóxica de como cuarenta se converte en corenta, o máis natural para el era pensar que cincuenta sería cinconta. Non lle faltaba razón no razoamento, aínda que as linguas non sempre seguen as normas que esperamos.

O Miño non só é un río

Un día, mentres practicabamos o léxico do medio ambiente, un boli caeu ao chan. Recollino e preguntei: “de quen é este boli?”. Un alumno, sen dubidar, respondeu: “É miño!”. Toda a clase comezou a rir porque, máis que indicar posesión, parecía que estaba falando do río Miño.

O verbo viño

Nunha ocasión, ao practicarmos os tempos verbais, un alumno quixo dicir “el veu onte” mais soltou todo confiado: “el viño onte”. A clase enteira comezou a rir imaxinando que o viño cobrara vida e decidira aparecer pola súa conta. Estas confusións son normais cando se aprende galego, mais non deixan de ser divertidas!

Unha tortela e un bocaledo, por favor!

Un día, ao repasarmos o vocabulario sobre alimentación, un alumno tratou de galeguizar espontaneamente as palabras tortilla e bocadillo. O resultado foi pedir unha *tortela e un *bocadelo. A intención foi boa, mais non todo se pode adaptar así de fácil.

Chegou a primaveira!

Nunha ocasión, ao preguntar cal era a estación entre o inverno e o verán, una alumna dixo con toda a confianza do mundo: “A primaveira!”. A lóxica detrás do erro era perfecta. Se hai palabras como ladeira ou cabaceira, por que non *primaveira? Mais en galego o correcto é primavera.

Humán, americán e urbán

A tendencia a galeguizar palabras que acaban en –ano é outro clásico. Así, humano, americano e urbano convértense en *humán, *americán e *urbán.

Escea e zoa

Estes erros adoitan xurdir pola influencia doutras palabras do galego, como luna que pasa a ser lúa ou sonar que se converte en soar. Así, parece lóxico que escena sexa *escea ou que zona se transforme en *zoa. O problema é que estas adaptacións espontáneas non existen no galego.

Ambente e inconvinte

Os últimos erros teñen unha base lóxica que vén do xeito en que o galego transforma o ditongo ie do castelán en e. Por exemplo, pierna convértese en perna e sierra en serra. Seguindo esta regra, moitos alumnos pensan que conveniente debería ser *inconvinte e ambiente, *ambente, mais non é así.

Se es profe de galego e queres deixar a túa anécdota, lémoste nos comentarios!

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
4
2/01/2025
28/02/2025
Velaquí tes 7 erros básicos do galego que debes evitar para falar e escribir correctamente con algúns consellos para corrixilos.
21
20/11/2024
28/02/2025
Eliminar os castelanismos da nosa fala é un paso importante para dignificar o galego e preservar a súa autenticidade. Aínda que ás veces non nos decatemos, moitas ...
44
1/03/2023
8/09/2025
Os falsos amigos son palabras ou expresións moi similares en dúas linguas cuxo significado é diferente malia seren aparentemente idénticas. Aprende algunhas das máis interesantes!
Últimos artigos publicados
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
4/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
2/06/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...

1 comentario en “9 erros graciosos que a xente comete ao aprender galego”

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer