Se hai algo que sabemos facer en Galicia, ademais de comer ben, é facer festa. Desde unha romaría tradicional ata unha noite de esmorga, o galego ten un vocabulario riquísimo para describir cada momento dunha boa troula.
Así que, se queres falar con propiedade cando saes de festa, toma nota destas palabras!
Endomingarse
Vestirse con moito esmero, como cando de pequeno/a che poñían a roupa “dos domingos” para ir á misa ou visitar os avós. Hoxe en día, significa poñerse elegante para calquera ocasión especial ou simplemente para saír de festa e presumir un pouco.
Exemplo: Endomingouse tanto para a festa que parecía que ía a unha voda.
Festeiro/a
Esa persoa que non perde unha festa. Se hai troula, alí está, sexa nunha verbena, nun concerto ou nunha romaría. Sempre anda metido no medio da festa e, se desaparece, é porque hai outra máis grande en que estar.
Exemplo: A miña curmá é tan festeira que xa ten as festas do verán planificadas desde marzo.
Sinónimos: carallán, fandangueiro, festexeiro, folieiro, gallofeiro, garuleiro, pándego, trouleiro…
Foliada
Diversión en grupo, normalmente con música, baile e moita troula. Pode ser unha xuntanza improvisada ou unha festa organizada, pero sempre con ambiente alegre e participativo.
Exemplo: A foliada do serán do domingo xuntou músicos, bailadores e veciños de todas as idades.
Sinónimos: algueirada, carallada, chola, esmorga, folía, gandaina, pándega, rexouba, riola, ruada, troula, trouleo, xolda.
Ir de varanda
O galego ten moitas formas de dicir que alguén vai de festa, pero esta é das máis auténticas. Ir de varanda é saír de troula sen pensar en cando vas volver.
Exemplo: Dixeron que ían tomar algo rápido, pero xa ves, foron de varanda toda a noite.
Sinónimos: andar de esmorga, andar de troula, andar de festa, ir de farrapeira…
Pechacancelas
O último en marchar dunha festa. Mentres os demais xa están na casa ou na cama, esta persoa segue de troula, falando co DJ para que poña “unha máis” ou buscando o último bar aberto.
Exemplo: Non hai quen poida con el, sempre de pechacancelas ata que apagan as luces.
Ramista
Sen os ramistas non habería festas na parroquia. Son os que organizan todo: escollen as orquestras, recadan cartos, contratan os fogos artificiais e aseguran que non falte a festa.
Exemplo: Os ramistas deste ano conseguiron traer a Panorama a Vilachá. Vai ser unha festa épica!
Sinónimos: mordomo, vigairo.
Romaría
A festa popular en moitos lugares do país. Oficialmente, é unha celebración relixiosa en que a xente vai a un santuario por motivos relixiosos rodeados dun ambiente fetivo.
Exemplo: A romaría de San Andrés de Teixido é cita obrigatoria, aínda que haxa que ir andando.
Sobrecear
Facer unha segunda cea, normalmente cando xa é noite pechada e o corpo pide algo máis despois de andar de varanda toda a noite. Non é gula, é supervivencia! O clásico momento de abrir a neveira ás cinco da mañá como quen non quere a cousa.
Exemplo: Despois de estar toda a noite de troula, chegou á casa e puxéronse a sobrecear unhas croquetas que quedaran da cea.
Que festa do verán galego es ti? Fai o test e descúbreo!






