54 palabras imprescindibles para falar de castañas e magostos en galego

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e do magosto. Porque unha castaña non é só castaña, pode ser boleca, tourona, rosenda etc, e antes de comela hai que adentala, debullala, escarapolala ou facerlle unha amosega.

Se non queres ir ao magosto e quedarte mirando sen saberes que é un tixolo, unha piolla ou un bulló, este artigo é para ti. Aquí tes 54 palabras imprescindibles para falar de castañas e magostos en galego.

Adentar

Realizar unha pequena incisión na castaña antes de poñela ao lume para evitar que estoupe ao asarse. Sinónimos: amordicar, amosegar, amozcar, anozcar, ataniscar.

Exemplo: Se non adentas ben as castañas, xa verás como estoupan no forno.

Amosega

Corte feito na castaña antes de poñela ao lume para impedir que rebente durante o asado. Sinónimos: amosegadura, amozcadura, anozcoada.

Exemplo: Non te esquezas da amosega, que despois as castañas estalan no forno.

Baguto

Castaña que se desprende por si soa do ourizo. Sinónimos: degaro, destelo, restela, restrelo.

Exemplo: Hoxe imos ao souto recoller só os bagutos, que son os que mellor están para comer.

Boleca

Castaña que queda pequena ou mal formada e non chega a medrar como debería. Sinónimos: beleca, belleca, bolerca, caxago, caroucón, gullerpa.

Exemplo: Este ano hai moita boleca no souto; haberá que escoller ben as castañas antes do magosto.

Bulló

Castaña asada e xeralmente sen casca.

Exemplo: Poucas cousas hai mellores que uns bullós quentiños acabados de saír do lume.

Burgazo

Castaña cocida á que se lle retirou a pela.

Exemplo: Para a cea, preparei unha cunca de burgazos con leite.

Debagutar

Caer a castaña do ourizo de maneira natural, sen ter que varear a árbore. Sinónimo: destelar.

Exemplo: Hoxe imos xuntar só as castañas que xa debagutaron, que son as que están no seu punto.

Debullar

1. Retirar as castañas dos ourizos. Sinónimos: debagar, degraer, degrañar, petelar.

Exemplo: Hai que debullar esas castañas.

2. Retirar a casca da castaña antes de cociñala ou comela. Sinónimos: deluvar, depenar, descascar, escascar.

Exemplo: Sentou no banco da cociña a debullar as castañas.

Entrecasca

Pela fina que se encontra entre a casca exterior da castaña e o froito.

Exemplo: Nas castañas asadas, a entrecasca despréndese cun só toque dos dedos.

Escarapolar

Eliminar a casca exterior dunha castaña.

Exemplo: Estiven un bo anaco escarapolando castañas para poñelas a cocer.

Garula

Castaña que foi secada e pelada para conservarse durante longos períodos.

Exemplo: Na casa sempre gardan garulas para facer un caldo ben saboroso no inverno.

Madroña

Castaña (ou pataca) que queda engurrada e perde o seu sabor por culpa do frío ou doutras condicións adversas.

Exemplo: Estas castañas quedaron feitas unha madroña despois da xeada da outra noite.

Maia

Castaña seca e pelada. Sinónimos: garula, maiola.

Exemplo: Hoxe toca caldo de maias, como facía sempre a miña avoa polo san Martiño.

Mamela 

Castaña cocida coa casca. Sinónimos: mamota, zamelo, zoncho.

Exemplo: Polo Día de Defuntos necesitamos bastantes mamelas para facérmoslles aos cativos cadanseu colar de zonchos.

Paparote

Castaña especialmente tenra e cun sabor doce moi marcado.

Exemplo: Sen uns paparotes ben feitos non hai bo flan de castañas, iso díxoo sempre miña nai.

Pingada

Castaña que se desprende do ourizo de maneira natural cando chega ao seu punto de maduración.

Exemplo: No souto xa hai moita pingada polo chan, sinal de que comeza o tempo grande das castañas.

Pintorlar

Ir tomando a castaña a súa cor característica de maduración, pasando do ton máis claro a outro máis escuro propio do outono.

Exemplo: Se te achegas ao souto verás que xa pintorlan moitas castañas; axiña chegará o tempo de apañalas.

Piolla

Pel fina que envolve directamente a carne da castaña, situada entre o froito e a casca exterior.

Exemplo: Cando a castaña aínda non está no seu punto, a piolla sae dunha peza.

Rapada

Variedade de castaña doce que se caracteriza por ter o ourizo pouco formado.

Exemplo: No mercado merquei rapadas para cocer, que son das máis saborosas neste tempo.

Rosenda

Castaña de bo tamaño e cunha pel grosa, de tonalidade máis clara que outras variedades.

Exemplo: Este ano as rosendas están moi prezadas na feira: son grandes e saen ben doces.

Tixolo

Recipiente tradicional, feito de barro ou ferro e con pequenos buratos na base, empregado para asar castañas ao lume.

Exemplo: Acendemos o lume e puxemos o tixolo enriba; en pouco tempo xa arrecendía a casa a castañas asadas.

Tourona

Castaña de cor máis escura do habitual e cun tamaño superior ao das variedades comúns.

Exemplo: Na mesa había unhas touronas enormes e desapareceron antes de que puidese coller ningunha.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
31

25/09/2024

As adiviñas son máis que simples xogos, conectan coas tradicións orais galegas e permítennos observar o mundo con ollos curiosos. Neste artigo recollo unha selección de adiviñas ...
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
Refráns galegos de novembro

3/11/2025

Novembro é o mes en que a natureza se recolle: as follas caen, as noites fanse longas e o frío comeza a facer presenza de verdade. O ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer