Orixe e significado dos nomes das cidades galegas

Por que Lugo se chama así? E de onde vén a palabra Compostela? Detrás de cada topónimo hai pegadas de pobos prerromanos, da presenza romana e mesmo de lendas medievais que marcaron a nosa cultura. Nesta viaxe pola etimoloxía imos descubrir a orixe dos nomes das sete cidades galegas.

A Coruña

Nas fontes clásicas, a cidade era coñecida como Brigantium ou Brigantia, nomes de orixe céltica. No entanto, durante séculos, a vila foi chamada Faro, pola presenza da Torre de Hércules, denominación que se mantivo ata a Idade Media e mesmo perdurou no ámbito eclesiástico.

En 1208, produciuse un cambio de nome. O rei Afonso IX modificou a denominación da vila a Crunia (en latín) e A Cruña (en romance). Este topónimo non parece ter unha raíz prerromana, senón que probablemente foi tomado dunha obra literaria medieval, a Historia Turpini do Códice Calixtino. Así, co tempo, a vila pasou de ser coñecida como Faro a chamarse oficialmente A Cruña, orixe do actual topónimo A Coruña.

Ferrol

A primeira mención escrita de Ferrol aparece xa no século XI, con documentos que citan sancto Iuliano de Ferrol (1087). O nome procede do xenitivo latino Ferreoli, derivado dun nome persoal, Ferreolus, que funcionaba como antropónimo en Galicia polo menos ata o século X.

Cómpre lembrar que o topónimo Ferrol non é exclusivo da cidade actual. Tamén aparece en lugares dos concellos de Carballo, Ortigueira e Xove, o que mostra a súa difusión histórica en Galicia.

Lugo

Lugo procede do latín Lucus Augusti. Os romanos fundaron a cidade como campamento arredor do ano 25 a.C. e bautizárona co nome do emperador Augusto. Lucus significaba “bosque sagrado”, de modo que o nome pode traducirse como “o bosque de Augusto”. Non é casualidade, a zona xa debía de ser considerada un espazo especial para os pobos prerromanos que vivían no lugar.

Ourense

Ourense está ligado á riqueza natural da súa terra. O nome vén do latín Auriensis, derivado de aurum, “ouro”. Os romanos explotaban os depósitos auríferos do Miño e fixeron da cidade un punto estratéxico. Ademais, as augas termais, tan presentes en Ourense, reforzaron a importancia do lugar desde a antigüidade.

Pontevedra

Pontevedra é un caso transparente. O seu nome procede de Pontem Veterem, que significa “ponte vella”. Fai referencia á primeira ponte levantada polos romanos para cruzar o río Lérez e a ría de Pontevedra, un paso estratéxico na comunicación entre o norte e o sur de Galicia.

Coa evolución lingüística, a expresión pontem veterem deu lugar a formas medievais como Ponteveter e finalmente á forma galega actual Pontevedra. O topónimo mostra ata que punto a ponte foi a infraestrutura clave que deu sentido ao asentamento e determinou o nacemento da cidade.

Santiago de Compostela

O nome de Santiago de Compostela está directamente ligado ao descubrimento do suposto sepulcro do apóstolo no século IX. Nos primeiros textos fálase do sepulcrum sub arcis marmoricis, “sepulcro baixo arcos de mármore”, e pouco despois comeza a empregarse o haxiónimo “Sancti Iacobi” como denominación do lugar.

A mediados do século X aparece un novo termo, Compostella, que acabará consolidándose como nome da cidade. Durante a Idade Media a vila medrou arredor do culto ao Apóstolo, converténdose na capital relixiosa de Galicia e, máis tarde, na capital política do país.

Sobre o significado de Compostela existen dúas explicacións. A máis popular, de orixe lendaria, é a de campus stellae, “campo da estrela”, asociada á visión milagrosa que levou ao achado do sepulcro. Porén, a etimoloxía máis aceptada hoxe é a que deriva de composĭta, “ben composta, adornada”, que probablemente fai referencia ás obras realizadas arredor do sepulcro no tempo do rei Afonso III e do bispo Sisnando.

Vigo

O nome de Vigo procede do latín vicus, termo empregado para designar pequenos poboados semiurbanos ou aldeas sen fortificación. Non é un topónimo exclusivo, pois en Galicia existen outras parroquias e lugares chamados Vigo, todos coa mesma orixe. A forma Vicus aparece xa documentada nos séculos IX e X, en textos altomedievais.

No caso concreto da cidade actual, o asentamento xorde aos pés do Castro tras o declive, nos séculos VI-VII, da antiga cidade romana que se levantaba nese lugar, probablemente chamada Burbida. A vila empedrada e estruturada que nace entón pasará a ser coñecida como Vicus, denominación que co tempo evolucionou cara á forma galega Vigo.

Fontes:

Real Academia Galega. (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña [Edición dixital]. Sección de Lingua. Seminario de Onomástica. https://doi.org/10.32766/rag.377

Santos Estévez, , M. (1). Arqueoloxía dun topónimo: o nome do Vigo romano. Gallaecia: Revista De arqueoloxía E antigüidade31. Recuperado a partir de https://revistas.usc.gal/index.php/gallaecia/article/view/1115

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
fakenews

15/09/2025

Nos últimos anos a expresión inglesa fake news espallouse por todas partes: nos medios de comunicación, nas redes sociais e mesmo nas conversas cotiás. Mais precisamos realmente ...
Sopas de letras en galego

10/09/2025

Aprender galego pode ser moito máis doado cando o facemos xogando. A plataforma Cursos.gal ofrece unha serie de xogos en galego pensados para reforzar vocabulario e mellorar ...
que peli galega es segundo o zodíaco

3/09/2025

Se cadra, nunca pensaches que o teu signo do zodíaco podería dicir algo do teu gusto polo cinema galego, mais hoxe imos xogar con esa idea. A ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer