Sabemos que a semana comeza co luns e remata co domingo, mais ao longo da historia non sempre foi así. Neste artigo, exploramos os diferentes nomes que recibiron os días da semana en galego, descubrindo como a nosa lingua, a tradición e a cultura influíron na maneira de contar o tempo.
Días da semana en galego
- Luns ou segunda feira
- Martes ou terceira feira
- Mércores ou cuarta feira
- Xoves ou quinta feira
- Venres ou sexta feira
- Sábado
- Domingo
Orixe do sistema de feiras
Na tradición cristiá, a semana estaba estruturada en torno ao domingo (dies dominicus en latín, “día do Señor”), que era considerado o primeiro día da semana. Os outros días eran nomeados en función das feiras litúrxicas, que marcaban a preparación para o domingo.
Este sistema foi adoptado polo rito cristián en Lisboa no século VI por influencia do bispo São Martinho de Dume, que intentou substituír os nomes de orixe pagá (ligados a deuses romanos) por unha nomenclatura baseada na liturxia. Así naceu a tradición de nomear os días laborables como “feiras”, indicando que eran días de traballo e non de celebración relixiosa.
Por que o luns é segunda feira e non primeira feira?
A razón pola que o luns se chama segunda feira e non primeira feira en galego e en portugués está na orixe relixiosa desta denominación, xa que o primeiro día da semana considerábase o domingo (como, acontece hoxe en día nos calendarios anglosaxóns). Se seguimos esta lóxica, o domingo é o primeiro día da semana; o luns é, polo tanto, o segundo día (segunda feira); o martes sería o terceiro (terza feira) e así sucesivamente.
Así que, cando escoites segunda feira e non primeira, lembra que o domingo foi, durante moito tempo, o verdadeiro comezo da semana!
Orixe do nome dos días da semana
Luns
Procede de lunae dies, “día da Lúa”. A Lúa era unha divindade importante en moitas culturas antigas e este día estaba dedicado a ela.
Martes
Vén de martis dies, “día de Marte”, o deus romano da guerra.
Mércores
Orixinase en mercurii dies, “día de Mercurio”, o deus do comercio e das comunicacións. Mercurio era tamén considerado o mensaxeiro dos deuses.
Xoves
Deriva de iovis dies, “día de Xúpiter”, o deus supremo do panteón romano, asociado ao raio e ao poder.
Venres
Vén de veneris dies, “día de Venus”, a deusa do amor e da beleza.
Sábado
Procede do hebreo shabbat, que significa “descanso”. Este era o día sagrado do descanso na tradición xudía e posteriormente no cristianismo primitivo.
Domingo
Deriva de Dies Dominicus, “día do Señor” en latín, en referencia á resurrección de Cristo, e por iso foi adoptado como día de descanso na tradición cristiá.
Os días da semana segundo as Irmandades da Fala
No Vocabulario castellano-gallego publicado polas Irmandades da Fala en 1933, faise unha clara distinción entre o sistema tradicional de nomear os días da semana en galego, denominado “forma tradicional”, e o modelo moderno, “forma moderna”, hoxe estendido. Segundo este vocabulario, a denominación clásica empregaba a numeración de feiras, como era habitual nos documentos oficiais galegos da época como se pode ver no vídeo: “En todos los documentos gallegos oficiales se dice Tercia feira de Antroído (Martes de Carnaval), Sesta feita Santa (Viernes Santo)”.
Os nomes dos días da semana en galego teñen unha forte influencia tanto da cultura romana como da tradición cristiá. Os primeiros cinco días (luns a venres) manteñen a súa relación directa cos deuses da mitoloxía romana, reflectindo a importancia destas divindades na organización do tempo na Antiga Roma. Pola súa banda, sábado e domingo foron modificados pola influencia relixiosa, adaptándose ao descanso xudeu e cristián, respectivamente. O estudo da orixe dos nomes dos días da semana non só nos axuda a comprender mellor a evolución da lingua, senón que tamén nos conecta coas antigas civilizacións que estruturaron o noso concepto do tempo.