Sabías que existe un dicionario da fala valdeorresa?

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese patrimonio léxico está a ser recollido no Dicionario da fala valdeorresa, impulsado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán.

O obxectivo é claro: recuperar, conservar e estudar o léxico propio de Valdeorras, un territorio onde a lingua galega mantén expresións vivas que cómpre documentar antes de que se perdan.

Dicionario da fala valdeorresa

O máis interesante deste proxecto é que non se fai dende un despacho, senón dende a rúa. A Fundación Florencio Delgado Gurriarán está a desenvolver un proceso participativo e de mediación cultural, no cal a propia veciñanza é a protagonista.

Para iso, organízanse obradoiros en centros educativos, reunións coa veciñanza e traballos de campo para recoller palabras, ditos e expresións características da fala valdeorresa. Cada achega é revisada pola Comisión de Lingua para garantir o seu valor e autenticidade.

Algunhas palabras da fala valdeorresa

No dicionario xa se poden encontrar máis de 200 palabras. Algunhas delas son as seguintes:

  • Breque → recheo das empanadas.
  • Chincar → facer barullo ou falar para molestar.
  • Choupín → cogomelo comestible con sombreiro escamoso e anel móbil.
  • Cirrichar → o son que fai a urina ao mexar.
  • Espoltrado → deitado sen ganas, con galbana.
  • Escalamouchar → romper algo de mala maneira.

Tamén recolle refráns e ditos populares que amosan o enxeño e a sabedoría da zona:

  • Choupín choupiñeiro, onde está o teu compañeiro?
  • Nébora na Creta, merda na cesta.
  • Van as nubes para Viana, asoma nena á ventana. Van as nubes para o Cebreiro, colle a capa e o sombreiro.

Accede aquí ao Dicionario da fala valdeorresa.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
As chaves da lingua gaña un dos Premios Mil Primaveras
20/04/2026
20/04/2026
Temos unha nova que nos fai especial ilusión compartir. As chaves da lingua é un dos catro proxectos galardoados nos VII Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora ...
Pronome de solidariedade e pronome de interese en galego
15/04/2026
16/04/2026
Cantas veces escoitaches frases como Éche boa cousa! ou A nena non me come nada ben? Eses pequenos pronomes —che e me— que aparecen sen ter función ...
Por que os galegos non podemos mandar a ubicación de Google maps
13/04/2026
16/04/2026
Estás nun bar novo, queres compartir o sitio cunha amiga e escribes no WhatsApp: Mándoche a ubicación. A que algunha vez dixeches algo parecido? O problema é ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer