O conxuro da queimada galega e a súa receita

Na cultura galega, o lume é moito máis que unha fonte de calor: é símbolo de purificación, protección e conexión co mundo espiritual. Un dos rituais máis emblemáticos que combina lume, palabra e sabor é o da queimada galega, unha bebida alcohólica feita con augardente, azucre e ingredientes aromáticos, acompañada dun conxuro que se recita mentres o líquido arde.

Esta bebida, preparada habitualmente nas noites máxicas como o san Xoán ou o Samaín, é máis ca unha receita: é un acto colectivo, un feitiño oral que busca afastar meigallos, mal de ollo e malos espíritos, invocando forzas antigas entre lume azul e palabras poderosas.

Receita tradicional da queimada galega

A queimada prepárase con ingredientes sinxelos, pero o segredo está en como se mesturan e, sobre todo, en como se conxura mentres arde. Velaquí está a receita básica.

Ingredientes:

  • 1 litro de augardente
  • 150-200 g de azucre (ao gusto)
  • 1 monda de 1 limón e outra de laranxa (sen parte branca)
  • 1 presada de grans de café
  • 1 rama de canela

Preparación:

  1. Bota a augardente nun recipiente de barro xunto ao resto de ingredientes.
  2. Colle un pouco de augardente nun cullerón metálico e préndeo cun fósforo.
  3. Co lume prendido, verte con coidado o contido do cullerón sobre o resto da mestura para que se acenda todo.
  4. Recita o conxuro mentres remexes o líquido, levantando e baixando o cullerón para manter a chama azul e misteriosa.
  5. Deixa arder uns minutos (5-10 aprox.), ata que a queimada se vaia escurecendo e o alcohol se reduza ao gusto.
  6. Apaga o lume cubrindo o recipiente ou agarda a que se extinga só e serve quente.

O conxuro da queimada

O conxuro da queimada recítase en voz alta mentres a augardente prende lume. A súa función simbólica é espantar os espíritos malignos, as meigas e os feitizos, e invocar a protección para as persoas presentes. O texto que se recita hoxe en día foi recompilado e popularizado na segunda metade do século XX e mestura referencias á mitoloxía galega, imaxes terroríficas e humor popular.

Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.
Demos, trasgos e diaños,
espíritos das nubradas veigas.
Corvos, píntegas e meigas,
feitizos das menciñeiras.

Podres cañotas furadas,
fogar dos vermes e alimarias.
Lume das Santas Compañas.
Mal de ollo, negros meigallos,
cheiro dos mortos, tronos e raios.

Ouveo do can, pregón da morte;
fociño do sátiro e pé do coello.
Pecadora lingua da mala muller
casada cun home vello.

Averno de Satán e Belcebú,
lume dos cadáveres ardentes,
corpos mutilados dos indecentes,
peidos dos infernais cus,
muxido da mar embravecida.

Barriga inútil da muller solteira,
falar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida.

Con este fol, levantarei as chamas deste lume
que asemella o do inferno
e fuxirán as meigas a cabalo das súas escobas,
índose bañar na praia das areas gordas.

Oíde, oíde! Os ruxidos que dan as que
non poden deixar de queimarse
na augardente quedando así purificadas.

E cando esta beberaxe baixe polas nosas gorxas,
quedaremos libres dos males
da nosa alma e de todo embruxamento.

Forzas do ar, da terra, do mar e do lume,
a vós fago esta chamada:
Se é verdade que tedes máis poder que a humana xente,
eiquí e agora, facede que os espíritos dos amigos que estean fóra,
participen con nós desta queimada.

Adaptación. Texto fonte: Infinita Viajes

A queimada, malia ser unha tradición moderna, é moito máis ca unha bebida. Trátase dun ritual colectivo que mestura gastronomía, oralidade, maxia e identidade. Xa sexa nunha noite de san Xoán, nun serán entre amizades ou nun evento cultural, preparar unha queimada é invocar un anaco da nosa cultura. Porque Meigas, habelas hainas, pero cun bo conxuro e unha queimada a tempo, non hai mal que nos toque.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
refráns galegos de outubro

1/10/2025

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa ...
nomes cidades galegas

24/09/2025

Por que Lugo se chama así? E de onde vén a palabra Compostela? Detrás de cada topónimo hai pegadas de pobos prerromanos, da presenza romana e mesmo ...
fakenews

15/09/2025

Nos últimos anos a expresión inglesa fake news espallouse por todas partes: nos medios de comunicación, nas redes sociais e mesmo nas conversas cotiás. Mais precisamos realmente ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer