Coñece as principais personaxes do Entroido galego

O Entroido é unha das festas máis antigas e arraigadas de Galicia, con manifestacións diversas segundo a comarca. En función da zona, recibe diferentes nomes: entroido, antroido, entroiro, entruido, entrudio ou entrudo. O termo procede do latín introitus, que significa ‘entrada’ e fai referencia ao inicio da Coresma.

Esta variedade de denominacións reflicte a riqueza e a diversidade cultural do noso territorio, onde cada vila e parroquia ten as súa propias figuras icónicas.

As máscaras icónicas do Entroido galego

O Entroido galego é famoso polas súas máscaras, cada unha cun traxe, un comportamento e un significado propio. Hai moitas máscaras e neste artigo só recollemos algunhas que tivemos a sorte de ver. Comprométome a seguir actualizando o artigo con máis segundo as vaia coñecendo.

Se queres saber máis sobre máscaras, recoméndoche ler Entruidos e Mascaradas na Galiza. Trátase dunha guía elaborada pola Semente que contén  146 máscaras de todo o país acompañadas de ilustracións. 

Pantallas
Pantallas de Xinzo na Mascarada Ibérica. Imaxe cedida por Orgullo Galego.

Pantallas de Xinzo de Limia

Estas máscaras son a icona do Entroido de Xinzo de Limia e a súa orixe remóntase a tempos ancestrais. Levan unha carauta que representa un demo de expresión amable que se prolonga nunha especie de carapucho curvado cara a adiante, decorado con debuxos de figuras astrais ou de animais.

O máis característico son as chocas que levan no cinto e que fan soar mentres percorren as rúas saltando e movéndose con enerxía. Ademais, portan dúas vexigas de vaca inchadas e secas que utilizan para golpear con estrondo e vixiar que todos participen no Entroido, perseguindo e asustando a aqueles que non van disfrazados.

Cigarróns
Cigarróns de Verín. Imaxe cedida por Orgullo Galego.

Cigarróns de Verín

Os cigarróns son a máscara máis representativa do Entroido de Verín. Levan unha carauta de madeira pintada con cores rechamantes e unha mitra metálica adornada con imaxes de animais (leóns, lobo, aguia…), mentres que na parte traseira levan unha pelica de can, aínda que antigamente se utilizaban peles de gato montés, raposo ou lobo.

A súa vestimenta inclúe unha chaqueta curta con flocos dourados, unha camisa branca, unha gravata, pantalóns bordados e polainas. Tamén levan unha gran faixa vermella enrolada á cintura que suxeita o pantalón. O cinto do que colgan as chocas é un elemento característico.

A máscara, cun gran sorriso e bigotes, é un símbolo de autoridade e orde dentro da festa. Os cigarróns percorren as rúas golpeando co seu látego e asegurándose de que todos participen activamente no Entroido, xa que representan a tradición e o respecto ás normas establecidas da celebración.

Peliqueiros
Peliqueiros de Laza. Imaxe cedida por Orgullo Galego.

Peliqueiros de Laza

Unha das figuras máis antigas e emblemáticas do Entroido galego son os peliqueiros de Laza que destacan polo seu vistoso traxe e a súa presenza impoñente. O seu nome procede de ‘pelica’, xa que a carauta que se prolonga na parte superior nunha especie de mitra de lata adornada con símbolos animais ou astrais e remata na parte posterior nunha pelella de gato ou coello.

A súa vestimenta inclúe unha chaqueta curta con bordados e fitas de cores, unha faixa vermella, medias brancas e polainas. Un dos elementos máis característicos dos peliqueiros son as chocas que levan ao cinto, que fan soar mentres percorren as rúas correndo e saltando en actitude ameazante cun látego na man.

A Morena de Laza

A morena é unha figura típica de Laza, composta dunha cabeza de vaca feita de madeira que dirixe un home da aldea.

Así, cada luns borralleiro pola tarde, despois da animada farrapada pola mañá, baixa pola vila, dándolle á festa un aire caótico. Xunto a ela, os mozos e as mozas recollen formigas, que lanzan á xente.

Boteiros
Boteiros na Mascarada Ibérica. Imaxe cedida por Orgullo Galego.

Boteiros

Son boteiros son a fígura característica do Entroido de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso.

Destacan pola súa vestimenta vistosa e colorida, composta por unha carauta de madeira tallada e pintada de xeito artesanal, con grandes ornamentos e formas impactantes.

Oso de Salcedo
Oso de Salcedo. Imaxe cedida por Orgullo Galego.

Oso de Salcedo

O oso de Salcedo é a máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Representa o espertar da natureza e a transición do inverno á primavera, onde unha persoa disfrazada de oso, cun traxe feito de peles escuras e un rostro feroz, percorre as rúas amedrentando os asistentes. A súa presenza na festa evoca rituais antigos nos que os animais e os ciclos naturais tiñan un papel fundamental no imaxinario colectivo.

O papel das figuras no Entroido

Estas figuras non son simples disfraces, senón que representan diferentes elementos da historia, da cultura e das crenzas populares de Galicia. O Entroido galego non é só unha festa, é unha expresión de identidade que sobreviviu a diferentes momentos históricos, incluíndo intentos de prohibición durante a ditadura franquista.

Hoxe en día, segue sendo unha das celebracións máis vivas e participativas do noso país, cun papel fundamental na conservación do noso patrimonio cultural e lingüístico.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer