O galego é unha lingua chea de matices e expresións únicas e os insultos non son unha excepción. Moitos teñen raíces antigas, outros son adaptacións e algúns reflicten perfectamente a idiosincrasia galega.
Pero ollo! Non todos os insultos son ofensivos. Moitas destas palabras úsanse con toques de humor e ironía, sen intención de facer dano. Así que, se queres saber como chamar de todo a alguén sen que se ofenda demasiado, este artigo é para ti.
Os insultos en galego que tes que coñecer
Aquí tes unha selección de insultos ben galegos, organizados segundo o seu significado.
Para quen ten pouca intelixencia
Para esas persoas que parecen ter poucas luces:
apailonado, baballán, baballas, babanca, babarro, babeco, babiolo, babión, baloco, badulaque, bobo, boubexo, citote, chaíñas, cretino, estúpido, fato, idiota, imbécil, lapabroas, lapadoura, mamalón, maroubo, miñaxoia, paduán, paifoco, pailaroco, paio, paiolo, palabea, palerma, palimoco, pamparulo, pánfilo, panoco, panoio, papafilloas, papahostias, papainas, papalastrán, papallón, papaleisón, papamoscas, papán, paparón, paparote, papaxoubas, papoio, papón, paroxa, parvallán, parviolo, parvo, pasmón, paspán, paxaretas, tarouco…
Para quen engana con habilidade, pero sen malicia
Non todo son insultos agresivos, tamén hai palabras para referirse a esas persoas que sempre teñen unha artimaña preparada:
galopín, pillabán, pillo, tunante, tuno...
Para quen non lle gusta traballar
Aquí tes uns cantos insultos para quen sempre busca o camiño máis cómodo e ten desculpas para non facer nada:
folgazán, galbán, lacazán, langrán, preguiceiro....
Para quen se queixa por todo
Todos coñecemos a alguén que non deixa de lamentarse, exaxerar ou facer drama por calquera cousa. Estes insultos son perfectos para eles:
choricas, choromicas, choromiqueiro, chorón, criqueiro, figureiro, mecoso, melindroso, mexericas, mexeriqueiro, netorreiro, nifrón, nifroso...
Para quen cambia de ideas e de amigos segundo lle convén
A lealdade é un valor importante, mais hai quen sempre está disposto a cambiar de chaqueta segundo como veña o vento:
bailanacriba, chaqueteiro, virachaquetas...
Para quen fala máis da conta
Se coñeces alguén que non cala nin debaixo da auga ou que sempre anda revelando segredos, aquí tes algúns termos perfectos:
larapeteiro, lareto...
Para quen carece de xenerosidade
Porque en Galicia sabemos que compartir é vivir, mais sempre hai quen lle custa máis soltar a carteira:
agarrado, amarrado, apertado, atado, avarento, avaro, cativo, cotroso, cutre, mesquiño, miserento, vil...
Para quen non coida a hixene ou é descoidada
Se hai algo que sempre chama a atención é cando alguén non se preocupa moito pola súa limpeza ou aspecto. En galego temos varias palabras para describir esas persoas que parecen vivir sempre no medio dun furacán:
adán, baldreo, badanas, baldroeiro, baldrogas, bandallo, fargallón, pastrán, pelandrán, torgallo, zalapastrán, zampallán…
Para quen sempre ten medo
Se sabes de alguén que adoita sentir medo e se asusta facilmente ou que carece de valor para enfrontarse aos perigos, olla estes adxectivos:
cagado, cagainas, cagalleiro, cagán, cagarolas, caguelo, caguiñas, cocainas, covarde…
E ti, coñecías todos estes insultos? Sabes algún máis? Déixao nos comentarios!
13 comentarios en “Os insultos en galego máis auténticos (e como usalos sen ofender demasiado)”
Estás a facer un gran traballo
Grazas a ti estou a aprender moitas palabras novas.
Grazas polo comentario! Iso si, ollo coas palabras do artigo, non vaia ser que alguén se cabree sen querer.
Moi interesantes os teus artigos e moi boa aprendizaxe ó mesmo tempo…grazas. Covi.
Grazas a ti!
Parabéns polo traballo.
Un apontamento: coido que “”triquiñuela” non é un termo galego.
Xa está corrixido! Até a min se me escapa algún castelanismo de cando en vez.
Qué curioso! Mi abuela me decía “miñaxoia” y no creo que ella lo hiciera como insulto. ¿Tiene algún otro significado? Muchas gracias.
Ola, Julia! Pois en galego “ser un miñaxoia” non é un afago. Normalmente, utilízase para describir unha persoa que non te malicia, é dicir, unha persoa inxenua, ou alguén que é apoucado. Con este significado sempre se utiliza o verbo “ser” + “un miñaxoia”. Porén, se cadra, eu aposto a que a túa avoa utilizaba esa expresión como un apelativo cariñoso pero que se escribe en dúas palabras, isto é, “miña xoia”, igual que “meu rei”, “miña rula”, “meu ben”, “miña cousiña”… Mais sen ver a expresión nun contexto real, non o podo afirmar con certeza.
Eu xa escribira hai anos uns cantos insultos no meu anterior blogo
https://leoeosseus.blogspot.com/2010/12/mea-culpa.html?m=1
Bardallas, esbardalleiro, barallocas, falabarato,… Os que falan sen usar a cachola
Bocalan, lercho, lingoreteiro, lareteiro… Os que falan de mais
Chambon, chanfainas, trapalleiro, tarabelo, chafalleiro, chafulleiro,… Q fai as cousas mal
Trosma, lurpia, bosteiro, faldragas…
Pero un dos que mais me gusta e un ” a ti choveche, pero moito, eh”
Moitas grazas pola achega!
Na zona da barcala, lindando coa xalleira, tamén se lle chaman “pallón” a unha persoa que non é moi espelida…polo visto o pallón é como se lle chama ao cenceno que bota o pé de millo na punta, que en realidade non ten ningún proveito agrícola.
Moitas grazas polo traballo, aprendese moito por aquí.
Moitas grazas a ti, Verónica, polo comentario e pola achega. Moi interesante!